El software libre

Software libre fai referencia á liberdade dos usuarios para executar, copiar, distribuir, estudiar, modificar o software e distribuilo modificado. Habitualmente, está dispoñible de balde, aínda que non é obligatorio que sexa así. Esta gratuidade fai que toda a sociedade teña acceso ao software e que o poida adaptar ás súas necesidades. Pero máis aló da súa gratuidade, o software libre é unha cuestión ética, de liberdade e de acceso ao coñecemento libre. Na actualidade, multitude de empresas, institucións, fundacións, asociacións e outros organismos colaboran diariamente co mundo do software libre, pero a súa maior fortaleza é a comunidade que hai ao redor del, as persoas que cada día o usan, de aí que sexa moi importante que todos colaboremos na súa difusión e que todos sexamos parte deste movemento. De aí a importancia da túa colaboración.

Como podo colaborar co software libre?

Hai diversas maneiras de colaborar, o mundo do software libre é moi amplo e ten moitas frontes abertas. A maneira máis simple de colaborar é informándote, usando software libre no teu día a día e difundíndoo entre os teus coñecidos. Busca no Google información ou le na wikipedia sobre este, visita as webs das asociacións, achégate a eventos que se organicen, etc… pouco a pouco iraste empapando deste mundo e descubrirás todas as posibilidades de colaboración. Cantos máis sexamos máis e mellores beneficios teremos todos. Tamén se pode colaborar participando e difundindo as actividades que se desenvolven neste eido, ou colaborando con algunha asociación a prol do software libre, ou mesmo facéndote membro de unha, AGNIX está aberta a novos socios/as. Outra maneira de colaborar é traducindo o software ao noso idioma ou, se es programador, podes liberar o teu código. Tamén se pode colaborar economicamente con algunha asociación ou fundación que desenvolven e manteñen o código. Como ves, as formas de colaborar son diversas, anímate, infórmate e ponte en contacto con nós ou outra asociación.

Colabora con AGNIX

AGNIX é unha asociación sen ánimo de lucro a prol do software libre de ámbito galego. Podes colaborar con nós participando na nosa web ou nos eventos que organizamos. Tamén te podes facer socio ou socia e compartir con nós as túas inquedanzas, estamos abertos e somos persoas coma ti con inquedanzas na mellora da sociedade a través do software libre. Se queres facerte socio só tes que poñerte en contacto con nós e darnos os teus datos e correo electrónico, non hai máis requisitos, despois poderás participar nas actividades que organicemos e aportar o que queiras ou poidas. Tamén se pode colaborar economicamente coa asociación, non temos ánimo de lucro e autofinanciámonos con recursos propios ou aportacións puntuais de institucións, empresas ou organismos oficiais. Nos vindeiros días habilitaremos unha forma de facernos chegar doazóns.

Outras asociacións a prol do software libre en Galicia

Ademais de AGNIX, en Galicia conviven varias asociacións a nivel autonómico e/ou local, cada unha delas ten as súas características; para coñecelas bota unha ollada polas súas webs:
  • Amigus (As Pontes)
  • AULUSC (Santiago de Compostela)
  • Comunidade O Zulo (Mugardos)
  • GALITE (Foz)
  • GALPon (Pontevedra)
  • GLUG (Galicia)
  • GPUL (A Coruña)
  • GULO (Ourense)
  • Inestable (Ordes)
  • LUCUX (Lugo)
  • MeLISA (Melide)
  • OUSLI (Ourense)
  • Trasno (Galicia)
Outras asociacións ou institucións onde atopar información sobre o software libre:
  • AGASOL (Asociación de empresas galegas de softwabre libre).
  • ASOLIF (Federación empresarial de asociacións de Software Libre a nivel estatal).
  • Free Software Fundation (organización creada por Richard Stallman e outros entusiastas do software libre co propósito de difundir este movemento).
  • Hispalinux (asociación de usuarios españoles de Linux).
  • Mancomún (portal da Xunta de Galicia aglutinador das iniciativas sobre software libre que se están a desenvolver en Galicia).