Saltar navegación.
Entrada
Nome
Contrasinal
Contrasinal?
Rexístrate!
non ao ooxml
   
   

Chromium OS, valoracións


Non é este un artigo sobre valoracións técnicas senón sobre as moitas e variadas cuestións ao redor do proxecto de código aberto avalado polo xigante de internet Google, o Chromium OS.

De antemán o proxecto supón un asentamento máis no modelo de código
aberto. Abrir e compartir código non é unha tolemia nin unha moda, é un
modelo consolidado
que amplía as posibilidades de desenvolvemento e mellora o resultado
final. Se ademais fose Software Libre, si, tamén, sería ético. Eles
mesmos din (traducido por mancomun.org): "Aínda
queda moito por facer, e estamos desexando traballar coa comunidade de
código aberto. Beneficiámonos enormemente de proxectos como GNU, o núcleo Linux, Moblin, Ubuntu, Webkit,
e moitos máis. Queremos achegar o noso código ao repositorio público e
colaborar intimamente con estas e outras iniciativas de código aberto".

Polo que volvo ler, o proxecto ten múlples licenzas: "A porción realizada por Google está amparada por licenzas de uso BSD e Creative Commons attribution 2.5,
con outras partes suxeitas a unha variedade de licenzas de código
aberto permisivas incluíndo MIT License, Ms-PL e a tripla licenza
MPL/GPL/LGPL. Polo tanto, pode ser considerado como libre maila dispor
de licenzas incompatibles coa GPL como é o caso da MPL
".

Outro factor a ser considerado é que a oferta de equipos hardware
con Chromium OS pre-instalado abrirá definitivamente o Software Libre
ao público xeral. Termos equipos compatibles eliminará unha das
barreiras de entrada que aínda hoxe penalizan o avanzo de SwL. Maila
todo, beneficiará isto ás outras distros? Haberá equipos con
Ubuntu ou Fedora como alternativa? As dúbidas permanecerán durante
bastante tempo xa que logo, entre outras consideracións, as interfaces
son ben diferentes. Achegarase Gnome, KDE... á interfaz do Chromium?
Olla o video da interfaz que propón Google.

E os datos de quen empregue Chromium? Si, maila ser Chromium de código aberto, os
nosos datos vanse por internet grazas aos múltiples servizos de Google
e outras empresas. Que máis da que as nosas sospeitas se disipen porque
temos a transparencia de códigos! Neste caso empregamos eses servizos
para deixar os nosos datos máis persoais en mans alleas. Comprobamos
como o SaaS supón un perigo á nosa intimidade. Porén, isto xa está a acontecer agora porque, sexa
cun sistema operativo privativo ou libre, é evidente o éxito das redes
sociais.

Se cadra isto último xunto á evidente tendencia á concentración de terminais pode provocar que definitivamente o sistema operativo acade a categoría de commodity, invisible en última instancia.

Estas e outras cuestións precisarán dunha máis profunda avaliación. Demos tempo.

Roberto BrenllaLogo tegnix pequeno

 

Responder


AGNIX (2004-2008) - Algúns dereitos reservados.
AGNIX non se fai cargo dos comentarios verquidos, xa que son de responsabilidade exclusiva do seu autor.
A maquinaria é Drupal